Principal / Biografía / Novas!! / Música / Media / Fotos / Tenda / Ligazóns

 

 
 
 

 

TERRA E ALMA

Terra e Alma son dúas palabras cargadas dun profundo significado nas que se pode sintetizar toda a existencia do ser humano, o eixe arredor do cal xira toda a nosa vida. Sentimos a alma da paisaxe e os espíritos que habitan na natureza, nas fragas, nas fontes, nos ríos, nos mares… Nas nosas aldeas aínda perdura unha carga espiritual de orixe remota que se pode apreciar nas lendas e contos transmitidos de forma oral de xeración en xeración e que configuran dalgún xeito a nosa forma de ser e de pensar. A música máis nosa nace da terra, do arado que a fende ao bufar da xugada de bois, do canto laído do carro, do fungar do vento nas carballeiras, do percorrer da auga polo regato, do bruar do mar, do murmurio hipnótico da choiva, do canto engaiolante do cuco e do merlo, do silencio e da paz que habita no souto…

 

 
 

     

 
 

TERRA e ALMA é un LIBRO-CD onde se interrelacionana música, a fotografía, os sons da natureza e as partituras e letras dos alalás, elementos que se van dando vida uns a outros, creando unha ampla paisaxe sonora que transporta ao ouvinte a outra época e a outros lugares de Galicia.

 

 
     
     
 

A NOSA HOMENAXE: MOISÉS QUINTAS SUÁREZ

A 12ª edición de Música no claustro comezou coa nosa homenaxe 'amor e vida pola música'. O noso recoñecemento público dunha persoa que día a día traballa na edición, creación e difusión da cultura musical da nosa contorna: Moisés Quintas Suárez.

 

© María Ucieda

Frautista, guitarrista e mestre de música, Moisés é un infatigable curioso dos instrumentos populares galegos, a súa pedagoxía e o seu uso cotián. Autor da Guía didáctica de instrumentos galegos(Ouvirmos 2011) e do primeiro Método de Pito Galego (Ouvirmos 2015), é na actualidade mestre no CEIP Xosé Fernández López do Porriño.

Coa presencia de José Font, Beti Rey e Antón Corral -homenaxeados en pasadas edicións-, Moisés compartiu co público que ateigou a Capela das Reliquias da S.I. Catedral de Tui a súa emoción e ilusión por esta homenaxe compartindo xunto á súa compañeira Viqui Pérez a maridaxe sonora do pito galego e unha pandeira.

© Gus Abreu

Moi boa tarde a tod@s.
Non hai satisfacción máis grande que observar que o traballo que un fai, con agarimo e humildade, é útil, valorado e recoñecido.
Estou moi agradecido por este recoñecemento especialmente por vir de quen vén; un festival como Música no Claustro ao que sigo con sumo interese dende o seu comezo polo seu vangardismo, e Samuel Diz, seu director artístico, un guitarrista que admiro dende o seu primeiro disco “Guitarra Clásica Galega”.
Sen dúbida, este agasallo darame folgos e ilusión para seguir traballando e desenvolvendo proxectos musicais relacionados coa nosa cultura.
Quero aproveitar este momento tan especial para agradecer:

 

  • Á miña compañeira Viqui Pérez, pola súa inestimable axuda e apoio en todos os meus proxectos, así como a súa aportación e colaboración musical tanto no estudio como nos directos.

  • Á editorial Ouvirmos, e especialmente ao seu director José Aldea, pola confianza na publicación dos meus traballos, así como polo compromiso coa nosa cultura.

  • Á familia, especialmente aos meus fillos Manel e Lois, aos amigos que cada día axudan desinteresadamente e aos meus alumnos, dos que nunca deixo de aprender.

En educación, dicimos que os nenos e nenas deben aprender partindo do seu entorno máis próximo. Para entender, valorar e respectar outras culturas, debemos primeiro tratar de entender, valorar e respectar a nosa propia.
Musicalmente falando, isto non se entende sen achegarse á nosa música tradicional, a que cantaron, tocaron e bailaron os nosos devanceiros.
Como docentes temos esa gran responsabilidade, esa obriga; a de dar a coñecer, valorar e respectar aos nosos alumnos o gran legado musical que chegou ata nós. E non só iso, debemos facer tamén que se namoren e enorgullezan del, ao tempo que son sabedores da súa responsabilidade para que siga vivo.
Achegalos ao canto ancestral e melancólico dos Alalás ou á ledicia das Foliadas; bailar unha Muiñeira ou unha Danza de Paos; coñecer a orixe e evolución dos instrumentos máis nosos…
Que mellor que a Música para mergullalos no mundo dos sentimentos, das emocións e do respecto… A Música é a linguaxe da esperanza e da Paz.
Unha sinxela frauta de cana, un Pito Galego, chega dabondo para facerlle entender aos meus alumnos canto temos en común co resto do mundo. Con el, podemos viaxar no tempo e no espazo, pois o ser humano, leva miles de anos expresándose musicalmente con este doce e sinxelo instrumento. De Oriente a Occidente, non hai recuncho no que non haxa alguén que toque unha frauta de cana, convidando a que a xente sexa máis feliz.
MOITAS GRAZAS!!

Moisés Quintas Suárez

© Gus Abreu

http://www.musicanoclaustro.com/2016/08/homenaxe-moises-quintas-suarez.html

 

 

 

 

 

"Pito  Galego, Método Práctico" Edit. Ouvirmos 2015

 

www.pitogalego.gal

Un método progresivo en formato libro e web para a aprendizaxe do Pito Pastoril Galego. Aquí  fálase da orixe e evolución do instrumento e faise un estudo riguroso dos distintos pitos pastoriles. Adxúntanse fotografías, máis de 250 gravacións de audio, máis de 200 exercicios progresivos, técnica, articulación, afinación, respiración…  máis de 50 melodías tradicionais galegas (Alalás, Alboradas, Muiñeiras, Pandeiradas …) ordenadas por grao de dificultade, un obradoiro para construír o teu propio pito pastoril Galego de cana e moito máis…

Teño a honra de que as verbas do mestre artesán Antón Corral abran este método,unha das persoas máis relevantes no mundo da Música Tradicional Galega, e a quen, sen dúbida, debemos  a recuperación e perfeccionamento do Pito Pastoril Galego:

"... Desde o esforzo e dedicación por mostrar e aprenderlles aos máis novos a súa importancia e a súa versatilidade musical, chega este método didáctico de Moisés Quintas, escrito con fluidez e achegado á sensibilidade do amor polo noso, cun obxectivo claro, en canto á contribución e asentamento da base do ensino da traxectoria histórica evolutiva e da técnica do pito galego".

  Antón Corral

 

 

José Aldea (Ouvirmos), Antón Corral e Moisés Quintas na Presentación oficial "Pito Galego, Método Práctico". Ouvirmos. Outubro de 2015  Biblioteca da EMAO.

 

 

Concerto na EMAO acompañado de Viqui Pérez na percusión.

- Video!!

- Video!!

 

 

No programa da Radio Galega "Lume Na Palleira" 7/6/2015.

 

Presentación da "Pito Galego, Método práctico" no Culturgal. Pontevedra 2015.Viqui Pérez, Moisés Quintas e José Aldea (Ouvirmos).

 

 

 

 

 

 

Ver vídeo  
   
 

    

"Guía didáctica de Instrumentos Galegos"

www.instrumentosgalegos.gal

Moisés Quintas contribúe á conservación do patrimonio coa "Guía didáctica de Instrumentos Galegos" por:

Radiofusión Cultura 14/06/2011

Portada da "Guía didáctica de Instrumentos Galegos" Ouvirmos 2011

Fundador da banda folk Trasmundi, Moisés Quintas compaxina a súa profesión de docente na área de Educación Musical do CEIP Xosé Fernández López de O Porriño, coa recollida de música tradicional, concertos, composición e arranxos musicais. Non obstante, tamén desenvolve outro tipo de traballos como vén de amosar coa obra Guía didáctica de instrumentos galegos, que vén de publicar Ouvirmos. Trátase dun libro-CD que presenta unha exhaustiva clasificación e descrición dos instrumentos galegos e as súas partes, coa súa etimoloxía, orixe e evolución. Unha práctica ferramenta de apoio para o coñecemento e ensino da música galega, ilustrada con máis de 100 fotografías e acompañada de 40 pistas de audio con todos os instrumentos. Inclúe ademais unha pista interactiva en formato web con múltiples recursos e un obradoiro para a construción de instrumentos sinxelos.

En palabras do mestre artesán Antón Corral, quen asina o prólogo do libro, esta obra supón "un legado de coñecementos históricos e actuais, a piques de desaparecer sobre os instrumentos populares e tradicionais galegos. Unha base para que os rapaces e rapazas sintan curiosidade polo pasado, presente, e sexan así mesmo, posibles continuadores e enriquecedores de futuro".
 

O libro-CD

Pola súa banda, o autor, Moisés Quintas define como instrumento de música "calquera obxecto capaz de producir sons orientados cara a un fin musical". A partir desta base, desenvolve un exhaustivo traballo de investigación e establece unha clasificación atendendo ao elemento que orixina a vibración sonora do instrumento. Este elemento pode ser unha pel estendida que golpeamos, unha corda tensa que pulsamos ou fretamos, ou o aire que sopramos e choca contra o bisel ou burato. Así, a obra estrutúrase en catro grandes grupos instrumentais: os aerófonos, os cordófonos, os membranófonos e os idiófonos.

Tras unha breve introdución e explicación da clasificación establecida, este libro-CD fai un completo percorrido polo universo musical galego a través de 40 instrumentos, desde o acordeón, a frauta traveseira ou a gaita até a lata de pemento, o chifre de afiador ou a pandeira.

Moisés Quintas achégase de forma individualizada a cada instrumento, sempre desde un punto de vista didáctico, analizando e explicando a súa orixe e evolución, as súas características, os materiais cos que está fabricado, o modo de tocalo, etc.

Todos os instrumentos veñen ilustrados con fotografías, que xunto ás audicións correspondentes que acompañan o libro, afondan no obxectivo da obra de contribuír á aprendizaxe así como á descuberta e preservación dun extraordinario legado cultural.

Complementan os contidos da obra unha detallada bibliografía e discografía para os lectores que queiran afondar nos coñecementos que nos achega esta guía didáctica.
 

Pista interactiva

O CD coas diferentes audicións inclúe tamén unha pista interactiva en formato web que presenta todo tipo de recursos con ligazóns a outras páxinas de interese, un inventario con datos de contacto dos artesáns dos distintos instrumentos, así como unha serie de obradoiros para construír en casa instrumentos sinxelos coma unha ocarina, varias frautas de cana ou unhas tarrañolas.
 

Destinatarios

A Guía didáctica de instrumentos galegos é unha obra ideal para estar na biblioteca de calquera tipo de centro educativo -na aula como apoio ao profesor ou como material curricular ou didáctico para os alumnos-, así como nas bibliotecas familiares a modo de libro de consulta, CD de audio ou ben como CD interactivo.
 

Entrevista a Moisés Quintas pola obra “Guía didáctica de instrumentos galegos”



 

 

 

 

 

José Aldea (Ouvirmos), Antón Corral e Moisés Quintas na presentación da "Guía Didáctica de Instrumentos Galegos". Feira do Libro, xullo de 2011, Vigo.

 

Presentación da "Guía Didáctica de Instrumentos Galegos" no programa Lume na Palleira que dirixe e presenta Emilio Españadero (ausente nesta ocasión por motivos de saúde).
De esquerda a dereita están: 
Xaime Estévez Vila, Vituco Neira (Planeta Fuancho), Pablo Díaz Carro e Moisés Quintas Suárez. 
Santiago, a 8 de outubro de 2011
   Sala Circular do Auditorio de Galicia.

 

Presentación da "Guía Didáctica de Instrumentos Galegos" no Culturgal. Pontevedra 2011.