Principal / Biografía / Novas!! / Música / Media / Fotos / Tenda / Ligazóns

 

 

    

Nace en  Bande (Ourense) no ano 1965.

De neno  ten os primeiros contactos coa música de xeito autodidacta e aprende a tacar a filharmónica, a guitarra e a gaita galega.

 

En 1982  forma o grupo ”Soeiras” no que interpretan música recollida na zona da Baixa Limia  e doutros grupos folk como Fuxan os Ventos ou Saraibas.

 

Con cantigas para nenos dá o séu primeiro paso como compositor, quedando por tres anos consecutivos finalista do concurso provincial e rexional “Cantareliña”, organizado polo grupo de música folk  Saraibas.

Estas cantigas son gravadas e editadas pola discográfica galega  Edigal (1985, 1986 e 1987) e ao mesmo tempo, a  editorial Edebé tamén as publica no seu material curricular de Educación Infantil.

 

En 1983 comeza os estudios oficiais  de música no conservatorio de Bande cursando ao mesmo tempo guitarra e frauta traveseira.

Durante varios anos forma parte da Banda de Música Municipal de Bande como frautista ao tempo que é chamado para formar parte dun grupo pioneiro na música folk galega  Arco da Vella (1989 -1998) co que participa en varios traballos discográficos.

 

No mesmo ano 1989  comeza en  Ourense a carreira de Maxisterio que remata no ano 1992. Paralelamente nestes anos realiza varios cursos de Pedagoxía e Didáctica Musical profundando na metodoloxía de grandes pedagogos entre os que cómpre destacar Willems, Dalcroze ou Carl Orff (asistindo ós cinco niveis que completan a súa metodoloxía  co seu discípulo directo Jos Wuytak).

 

Continúa cos estudios no Conservatorio de Música de Ourense con Marcos Díaz como profesor de guitarra e Carlos Núñez Deza como profesor de frauta traveseira, asistindo tamén a cursos con grandes concertistas internacionais como David Rassel ou Antonio Arias.

 

Durante o curso 1992-93 é profesor de guitarra e frauta traveseira na Escola Municipal de Música de Allariz (Ourense).

 

No ano 1993 obtén por oposición en Sevilla a praza de Mestre de Música. É trasladado a Sanlúcar de Barrameda (Cádiz) onde traballa como docente durante catro anos nos que forma tamén parte de Seminarios Permanentes de Música na Educación.

Continúa perfeccionando a súa técnica de frauta co profesor Francisco Javier López Rodríguez, especialista en música do S XVIII e remata os estudios oficiais de guitarra no Real Conservatorio de Música de Cádiz acadando o título de Profesor.

 

No ano 1998 volta a Galicia e profundiza no estudio de distintos  instrumentos populares e tradicionais tanto galegos (pito e frauta traveseira) como doutras culturas (whistle irlandés, mandolina ou cabaquinho portugués) empregando a  técnica que asimilou no estudo da frauta traveseira e da guitarra na música clásica.

 

Asiste tamén ás clases maxistrais de traverso barroco impartidas polo profesor Wilbert Hazelzet.

 

Colabora en varias ocasións co grupo de folk Ourensán Xeque Mate (Camerata Meiga).

 

É un dos fundadores no ano 1998  do  grupo Trasmundi, grupo de música instrumental de autor. O seu primeiro traballo “Raianos” é gravado nos estudios Elkar de San Sebastián con Jean Phocas como técnico de gravación. (Clave Records, 2001).

 

No ano 2002 colabora na gravación do disco “Que o pano non me namora” do grupo de música folk Malvela (Do Cumio, 2002).

 

No ano 2003 obtén unha licencia de estudios da Consellería de Educación para desenvolver o proxecto Os Instrumentos Musicais Populares e Tradicionais Galegos.

 

No ano 2005 colabora no disco “Meniños Cantores” no que participan escolas de Galiza e Portugal como parte dunha candidatura de Patrimonio Inmaterial á UNESCO.

 

No 2007 participa como músico, arranxista e productor musical na edición do disco “Cinsa namorada” do cantautor guardés Tino Baz.

 

No ano 2009 forma parte do seminario “Expreso as emocións que sinto no hospital a través de diferentes manifestacións artísticas” desenvolto na aula hospitalaria do Xeral-Cíes de Vigo ocupándose da música tradicional galega no ciclo anual.

Este proxecto acadou:

·       o primeiro premio á innovación educativa 2009, concedido pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

·       premio CREARTE 2009, concedido polo Ministerio de Educación e Cultura de España.

 

Co seu grupo Trasmundi edita no 2010 o segundo traballo discográfico “En tempos que se foron…” música composta inspirándose en seres máxicos da mitoloxía de Galicia. trasmundi.net

 

No ano 2011 coa editorial Ouvirmos publica a "Guía Didáctica de Instrumentos Galego", un libro-CD con audio e pista interactiva en formato web, que presenta unha exhaustiva clasificación e descrición dos instrumentos galegos e as súas partes, coa súa etimoloxía, orixe e evolución. Actualmente dispoñible na web instrumentosgalegos.gal

 

No 2015 publica o libro-web "Pito Galego, Método práctico" un método progresivo para a aprendizaxe do Pito Galego. Aquí fálase da orixe e evolución do instrumento e faise un estudo riguroso dos distintos pitos. Adxúntanse fotografías, máis de 250 gravacións de audio, máis de 200 exercicios progresivos, técnica, articulación, afinación, respiración… máis de 50 melodías tradicionais galegas (Alalás, Alboradas, Muiñeiras, Pandeiradas …) ordenadas por grao de dificultade, un obradoiro para construír un pito pastoril Galego de cana etc. pitogalego.gal

 

No 2016, o festival Música no Claustro dentro da sección «Amor e vida pola música», fixo un recoñecemento público polo seu traballo diario na edición, creación e difusión da cultura musical.

 

No 2018 coa editorial Canela, publica TERRA e ALMA, un LIBRO-CD onde se interrelacionan a música, a fotografía de Carlos Valcarcel, os sons da naturezae as partituras e letras dos alalás, elementos que se van dando vida uns a outros, creando unha ampla paisaxe sonora que transporta ao ouvinte a outra época e a outros lugares de Galicia.

 

 

Na actualidade compaxina a súa profesión de docente no CEIP Xosé  Fernández  López de O Porriño, na área de Educación Musical, coa recollida de música tradicional, concertos, composición e arranxos musicais, ao tempo que desenvolve traballos didácticos sobre instrumentos galegos  tradicionais e populares.